Este Programa pretende contribuír a manter ás persoas en situación de dependencia ou discapacidade no seu domicilio e ofertarlle ao seu coidador habitual a posibilidade de dispoñer duns días para o seu descanso, manter a súa vida social, familiar e de ocio ou para solventar situacións de emerxencia que se lle presenten, mentres que a persoa á que coidan é atendida adecuadamente nun centro residencial.
Este programa regúlase na Circular interna nº 02/2013 da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade.
Persoas beneficiarias
As persoas maiores de 16 anos con recoñecemento de discapacidade ou de dependencia (grao II ou III) e aqueloutras que, non podendo acreditar os requisitos anteriores, requiran da atención dun coidador, segundo se indique no informe médico e social que acompañan, e que ademais cumpran as seguintes condicións:
- Ter residencia efectiva na Comunidade Autónoma de Galicia.
- Non estar afectado por enfermidade en estado agudo nin se atopen en fase terminal.
- Non padecer enfermidade infecto-contaxiosa activa, trastornos mentais ou condutuais graves e non compensados que poidan alterar a convivencia.
- Efectuar a oportuna solicitude e o pagamento do prezo estipulado nas condicións que se lle indiquen.
Tipo e duración das estadías
- Modalidade de estadías quincenais
- Modalidade de estadías de fin de semana
Prezo total da praza:
- Estadías quincenais: 791,5€ por quincena (52,76€/día), IVE incluído.
- Estadías de fin de semana: 124€ polos dous días (62€/día), IVE incluído.
No caso de tratarse dun día festivo computarase como unha estadía dun día e o prezo da praza tamén se establece en 62€/día.
Achega da persoa beneficiaria:
En calquera das modalidades, as persoas beneficiarias contribuirán ao financiamento da estadía coa porcentaxe do custo que se establece a continuación en función dos seus ingresos económicos:
- Inferiores ao IPREM ………………………………………… o 40%
- Superiores ao IPREM e inferiores a 1.000 € ….. o 55%
- Superiores a 1.000 € e inferiores a 2.000 € …….o 75%
- Superiores a 2.000 € ………………………………………. o 90%
As solicitudes presentaranse nas xefaturas territoriais da Consellería de Política Social que corresponda cun mes de antelación á data para a que se solicita a quenda, agás situacións de emerxencia sobrevidas (enfermidade, accidente do coidador ou similares) e debidamente xustificadas.